- As peticións das asociacións do Concello tamén sentan as bases deste plan
O goberno municipal de Ponteceso presentará o próximo xoves, ás 20 horas, unha proposta de plan único baseada na necesidade de transferir cartos aos autónomos e atender as necesidades das asociacións deportivas e culturais do municipio.
O executivo pontecesán emprendeu unha rolda de reunións e visitas aos locais das asociacións. Moitas das propostas figuran como proxectos neste plan de obras; outras faranse coa partida de fondos propios municipais se se aproba o destino de 249.000 euros do plan único para gasto corrente, e outras coa aportación municipal a subvencións da Xunta de Galicia, da Deputación Provincial da Coruña e do Estado.
Dentro do plan, 254.511 euros irán destinados ao pagamento de provedores, mentres que o financiamento do gasto corrente do Concello contará cun total de 249.466 euros. Ademais, Ponteceso dedica uns 300.000 euros do orzamento anual ao financiamento dos servizos básicos.
A parte social do plan da Deputación irá destinada á financiación da parte que paga o Concello da dependencia, con 51.191 euros. O resto do plan irá destinado a estender a todo o 2021 o Plan de Emprego Social do Concello de Ponteceso, polo que foron contratados 16 operarios e operarias de servizos básicos que estaban en risco de exclusión social. A esta medida destínanse
100.000 euros.
No relativo ás obras, haberá melloras na vía do Couto en dirección Cerezo por 47.339 euros e tras ser solicitada pola Asociación Cultural Monte Branco.
Tamén se desenvolverán dous plans complementarios onde destacan, entre outros, o proxecto de mellora do viario de Nemeño a Niñóns polos Ánxeles, que ascenderá a un total de 310.110 euros; e a mellora do acceso ao núcleo de Balarés e senda peonil ao novo aparcamento da Deputación, por 69.000 euros.
O Goberno tamén convocou dúas comisións informativas con Apin, PP e tres dos cinco concelleiros expulsados do PSOE. Sen embargo, non foron capaces de alcanzar ningún compromiso para aprobar o POS, como fixeron outros grupos da oposición en toda a provincia.