Desde o concello de Santa Comba o equipo de goberno encabezado polo alcalde Alberto Romar móstrase preocupado pola situación da atención sanitaria do seu centro de saúde na última semana.
A diario decenas de veciños achéganse á alcaldía para denunciar a falta de profesionais nas instalacións, feito que mingua dunha forma insostible a prestación de asistencia sanitaria.
Só 3 dos 8 facultativos que teñen que estar presentes no centro están a dispensar atención sanitaria e o persoal de enfermería tamén se viu reducido. As prazas dos profesionais que se atopan de baixa ou en período de vacacións non se cobren, ben pola negativa ou pola falta de previsión da Consellería de Sanidade, propiciando así demoras e saturacións que fan imposible axendar as citas e gozar da atención coa calidade requirida.
“A diario son moitas as persoas que se presentan na alcaldía para pedirnos que mediemos nunha situación que representa sen dúbida un gran problema para a veciñanza. Desde o Sergas non ofrecen medidas apropiadas para resolver unha problemática que mingua dunha forma inaceptable un servizo básico, ademais de conlevar unha carga inasumible para os profesionais que quedan no centro, que se ven presionados e incapacitados para ofertar unha atención de calidade” di o alcalde Alberto Romar, que tamén lembra que aínda non obtivo resposta desde a Consellería de Sanidade sobre a queixa e petición de reunión co Conselleiro que formalizou o pasado día 18 de agosto.
Desde o Concello insisten na necesidade de tomar medidas inmediatas, e confirman que farán canto estea na súa man para mediar e propiciar que a situación se canalice para defender os intereses dos veciños/as.