A Xunta de Goberno Local aprobou o expediente de contratación da obra, que presenta un orzamento de 12.676.000 euros, dos que case seis millóns proceden de fondos europeos aprobados polo Goberno de España. O proxecto prevé doce meses de obras.
O alcalde puxo data ao comezo das obras para erixir o ascensor circular que unirá García Barbón co teito do Vialia: este verán. Anunciouno logo de ser aprobados os pregos de condicións e aberto o proceso de licitación pública que concluirá na adxudicación dos traballos á empresa que presente a mellor oferta.
A complexidade da obra e do procedemento, explicou Caballero, obriga a tramitar un contrato harmonizado que será publicado en boletíns europeos e contempla un período para eventuais recursos especiais. Sen contratempos, a previsión municipal é que as obras poidan comezar no verán.
O HALO é a proposta gañadora do concurso arquitectónico de ideas lanzado polo Concello de Vigo para unir García Barbón (entre as torres do Club Financeiro e o CEIP García Barbón) con Vía Norte a través da praza superior do Vialia. Unha vez elaborado o proxecto construtivo, o orzamento elevouse ata os 12,6 millóns, polo incremento dos custos das materias primas e en particular do aceiro e do vidro, elementos básicos neste deseño, segundo recordou o alcalde.