O goberno de Vimianzo agradece o traballo e apoio das persoas que participaron no Nadal

Concello de Vimianzo

  • Desde o executivo sinalan o impacto «tremendamente positivo» da pista de xeo e agardan poder repetir o próximo ano

O goberno local de Vimianzo quere agradecer publicamente o traballo e apoio de todas as persoas que fixeron posible o Nadal 2021-2022. Así, esténdense ao persoal voluntario na pista de patinaxe, responsables dos locais de comercio e hostalaría, AR Vidal, Policía Local e Protección Civil, Irma Macías, equipos técnicos, traballadores municipais, figurantes e a toda a veciñanza. Non se esquecen, por suposto, de toda a xente que se achegou ata a vila soneirá para gozar «desta marabillosa época».

Cunha programación que abrangueu actividades de toda clase como os Cantos de Nadal polas parroquias, teatro, actividades divulgativas, o concurso de postais, a cabalgata e mesmo o Duatlón de Reis, que se celebra este domingo, desde o departamento de Cultura sinalan que todo estivo enfocado a un público que respondeu con «maiúsculas».

Balance positivo da pista de patinaxe natural

Desde o executivo local, e agardando facer unha valoración técnica, considérase como un impacto «tremendamente positivo» a instalación da pista de xeo natural en Vimianzo durante máis de vinte días, con posibilidade de acoller doce turnos de 45 persoas cada día; unha oportunidade da que desfrutaron máis de 11.000 persoas que se achegaron desde puntos tan diversos como Carral, Cambre, Santiago e toda a Costa da Morte.

A rexedora comentou que desexan poder repetir esta idea o próximo ano, aínda que con «condicións máis favorables que permitan desfrutar novamente dunha actividade bonita, familiar e sin dúbida novidosa».