- O presidente do goberno prevé que nas próximas semanas haxa 10.000 casos
O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, anunciou este venres que o Executivo decretará este sábado o estado de alarma na nación durante 15 días pola crise do coronavirus que, segundo fontes oficiais do Ministerio de Sanidade, deixa máis de 4.200 contaxios, 120 mortes e 189 recuperados.
O estado de alarma está recollido no artigo 116 da Constitución e contempla situacións de catástrofe, desabastecemento ou crise sanitarias polas que a lei dota de máis poder ao Executivo para afrontalas. Esta é a segunda vez que se aplica no noso país, xa que a primeira foi no ano 2010 debido á folga dos controladores aéreos.
Este sábado, despois dun Consello de Ministros extraordinario, decretaranse medidas especiais para evitar que os contaxios por coronavirus sigan aumentando sen control. O Goberno poderá limitar a circulación de persoas, requisar bens, utilizar de forma provisional edificios como fábricas, impoñer un toque de queda ou racionar os artigos de primeira necesidade.
Con estas medidas, o goberno pretende responder a esta crise coa «máxima axilidade e contundencia», aínda que se prevé que o número de contaxiados ascenda a 10.000 para a próxima semana.