O Consello de Ministros aprobou este martes a declaración de zona catastrófica naqueles lugares afectados polos grandes incendios deste verán, en Galicia son 20 os lugares que coinciden con esta denominación.
Tres son da provincia da Coruña: os do 4 de agosto en Boiro, o 5 en Ames e o 9 nas Pontes de García Rodríguez.
Outros tres son da provincia de Lugo: o iniciado o 15 de xullo en Folgoso do Courel e na Pobra de Brollón, e do 17 en Palas de Reis.
Ourense é a provincia máis castigada polo lume e tamén a que ten máis concellos recollidos nesta declaración. Son o do 14 de xullo en Carballeda de Valdeorras, os do 16 en Oímbra, en Rabal e Videferre, o do 27 en Catrelo de Miño, o do 3 de agosto en Verín, o do 9 en Chandrexa de Queixa, os do 10 no Irixo, Laza-Chandrexa de Queixa e Boborás.
Na provincia de Pontevedra son os do 30 de xullo en Arbo, do 31 na Cañiza, o do 3 de agosto en Arbo (Barcela), o 4 en Caldas de Reis e o 5 en Ponte Caldelas.
O acordo aprobado polo Consello de Ministros prevé a adopción doutras medidas de axuda, condicionadas ao que establezan as ordes ministeriais ditadas por cada un dos diferentes departamentos competentes para desenvolvelas.