O Consello de Ministros nomeou á actual secretaria de Estado de Defensa, Esperanza Casteleiro, nova directora do Centro Nacional de Intelixencia (CNI) tras a destitución de Paz Esteban por mor do escándalo da espionaxe mediante Pegasus ao independentismo e ao propio Executivo. Foi a ministra de Defensa, Margarita Robles, quen informou desta decisión na rolda de prensa posterior, na que destacou a súa ampla experiencia e dixo que este nomeamento supón o «recoñecemento» do Goberno ao labor do Ministerio.
CESE DE PAZ ESTEBAN
Paz Esteban, foi destituída este martes tras o Consello de Ministros. Con esta decisión, o Goberno español pretende pechar a crise política que supuxo o caso ‘Pegasus’. Este caso afecta tanto a líderes independentistas, unha información destapada por ‘Citizen Lab’, como ao roubo de datos denunciado polo Goberno aos teléfonos móbiles do xefe do Executivo, Pedro Sánchez, e da ministra de Defensa, Margarita Robles. O cesamento de Esteban prodúcese tan só dous anos despois do seu nomeamento como directora do CNI e outros sete meses antes exerceu como xefa interina, aínda que a súa experiencia nos servizos de intelixencia se remonta aos anos 80, cando ingresou no antigo Centro Superior de Información da Defensa. A posibilidade da substitución de Paz Esteban comezou a gañar forza despois de que a directora do CNI recoñecese o pasado xoves ante a Comisión de Gastos Reservados do Congreso que os servizos de intelixencia espiaran con autorización xudicial ao actual presidente da Generalitat, Pere Aragonès, e a outra vintena de políticos independentistas.
