- Intensificarase, a partir de outubro e de forma coordinada en todas as CCAA, a campaña de vacinación debido á circulación do virus da gripe e o da Covid-19
O Goberno e as comunidades autónomas (CCAA) acordaron que, con carácter xeral, a actividade lectiva será presencial para todos os niveis e etapas do sistema educativo, priorizándoa para o alumnado de menor idade, polo menos ata o segundo curso da ESO.
Trátase dunha das 29 medidas e 5 recomendacións para o curso 2020-2021 acordadas polo Executivo e as demais administracións na Conferencia Multisectorial de Educación e Sanidade. A reunión celebrouse este xoves de forma telemática e nela participaron a ministra de Educación e Formación Profesional, Isabel Celaá; o ministro de Sanidade, Salvador Illa, e a ministra de Política Territorial e Función Pública, Carolina Darias; e os conselleiros e conselleiras autonómicas de Sanidade e Educación.
Nese acordo tamén se establece que os centros educativos se manterán abertos durante todo o curso escolar asegurando os servizos de comedor, así como o apoio educativo a menores con necesidades especiais ou de familias socialmente vulnerables, a condición de que a situación epidemiolóxica o permita.
Medidas de prevención
De forma xeral manterase unha distancia interpersoal de polo menos 1,5 metros, e en educación infantil e en primeiro ciclo de educación primaria, o alumnado organizarase en grupos de convivencia estable para que os nenos e nenas poidan socializar e xogar entre si. Nestes casos, non se aplicarán os criterios de limitación de distancia.
Doutra banda, o uso da máscara será obrigatorio a partir de 6 anos de idade con independencia do mantemento da distancia interpersoal.
Medidas de hixiene
De forma previa ao comezo da xornada, tomarase a temperatura corporal a todo o alumnado e persoal, e no transporte escolar será obrigatorio o uso da máscara a partir de 6 anos e recomendable en nenas e nenos de 3 a 5 anos.
Os comedores permitirán a distancia interpersoal de polo menos 1,5 metros e asignaranse postos fixos durante todo o ano para o alumnado.
Xestión de casos
Doutra banda, o Ministerio de Sanidade presentou ás comunidades autónomas para o seu acordo unha «Guía de actuación ante a aparición de casos de COVID-19 en centros educativos». Trátase dun documento técnico que servirá de base á hora de tomar as medidas de prevención e control que levarán a cabo as unidades de Saúde Pública das CCAA en caso necesario.
Vacinación fronte á gripe
Dada unha posible coexistencia durante esta próxima tempada 2020-2021 da circulación dos virus da gripe e COVID-19, Goberno e CCAA acordaron novos obxectivos coa finalidade de protexer aos máis vulnerables: alcanzar polo menos coberturas do 75% en persoal sanitario e maiores de 65 anos; e dun 60% en embarazadas e persoas con condicións de risco.
A campaña de vacinación realizarase de forma coordinada en todas as CCAA e cidades autónomas e comezará na primeira quincena de outubro.