O coronavirus non só golpeou con forza a sanidade, senón tamén a economía. Ante esta situación, o Goberno español saíu ao rescate dos autónomos, inquilinos vulnerables e empregadas do fogar. O vicepresidente de Dereitos Sociais, Pablo Iglesias, así o explicou en conferencia de prensa ao termino do Consello de Ministros. «Quedan suspendidos, ata que se cumpran seis meses tras o fin do estado de alarma todos os desafiuzamentos. Ninguén pode ser expulsado da súa casa. Quedan prorrogados automaticamente por seis meses todos os contratos de aluguer en vigor que estean a piques de vencer. Unha medida que na práctica supón impedir que a ningún inquilino de España cun contrato vixente se lle poida subir o aluguer durante o próximos seis meses». Ademais, os cortes de subministracións enerxéticas e de auga na vivenda habitual estarán prohibidos para o conxunto da poboación mentres estea en vigor o estado de alarma. No real decreto aprobado polo Consello de Ministros, tamén se amplía, para protexer aos afectados pola crise do Covid-19, o bono social para que as persoas que queden en situación de vulnerabilidade, como traballadores afectados por despedimentos ou autónomos que tivesen que cesar na súa actividade, poidan acollerse a el. Así mesmo, aplicarase unha moratoria no pago de subministracións para autónomos e pemes, que poderán, ademais, adaptar os seus contratos ás súas novas realidades de consumo sen penalización por parte das súas compañías subministradoras.
35