O titular da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, destacou este xoves na rolda de prensa do Consello unha achega de 32 millóns de euros que permitirá aos concellos contratar a máis de 2.000 desempregados. “Aprobamos dúas iniciativas que impulsarán o emprego local”, dixo, referíndose á nova convocatoria das axudas para os obradoiros de emprego e á resolución do programa para a contratación de persoas preceptoras da Risga.
En relación aos obradoiros de emprego, Feijóo precisou que as próximas convocatorias destas axudas –nas que terán preferencia os Concellos Emprendedores- suporán destinar 24,5 millóns de euros entre 2019 e 2020 para poñer en marcha 80 obradoiros de emprego.
A través deles, máis de 1.500 desempregados recibirán formación e accederán a un posto de traballo para o desenvolvemento de tarefas que supoñan un servizo en beneficio da comunidade. E, deses 24,5 millóns: 3,5 millóns destinaranse a obradoiros específicos para menores de 30 anos, e 21 millóns irán destinados a obradoiros duais, para beneficiar a 1.200 desempregados.
En relación aos obradoiros duais, o presidente da Xunta lembrou que, ademais dun contrato de formación e aprendizaxe de 9 meses, esta modalidade inclúe a posibilidade de que os desempregados poidan optar tres meses máis a xornada completa, como mínimo, a un contrato laboral nunha empresa do ámbito territorial no que se desenvolva o obradoiro e na mesma especialidade na que se cualificaron. Deste xeito, a Xunta incentivará, para aqueles concellos que o soliciten, a contratación nas empresas.