O Consello de Ministros analizou o Anteproxecto de Lei Orgánica de Representación Paritaria de Mulleres e Homes nos Órganos de Decisión, que garantirá a súa igualdade efectiva na política, a administración e as empresas.
A ministra de Política Territorial e voceira do Gobierno, Isabel Rodríguez, afirmou que a denominada lei de paridade implica que a representación da sociedade ha de estar en todos os lugares e, en especial, naqueles onde se toman decisións económicas e políticas.
No mesmo sentido, a vicepresidenta primeira e ministra de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, Nadia Calviño, incidiu en que a norma «garante a participación das mulleres nos órganos de decisión, rompe o teito de cristal nos ámbitos público e privado, e consolida a España como un dos países máis avanzados en igualdade de xénero a nivel mundial».
Calviño trasladou que a futura lei responde a unha directiva comunitaria sobre a materia e establece o obxectivo do 40% de participación feminina nos órganos de dirección públicos e privados.
A igualdade deberá cumprirse nas listas electorais, o sector público estatal, sociedades cotizadas, grandes empresas e colexios profesionais.