O ministerio de Traballo e Economía Social, que encabeza Yolanda Díaz, convocou o 1 de setembro aos axentes sociais, patronais e sindicatos, para abordar a eventual subida do Salario Mínimo Interprofesional, conxelado en 2021 en 950 euros mensuais, e que motivara nos últimos meses un debate aberto no seo do Goberno de coalición con diferenzas sobre como abordar este asunto.
A vicepresidenta primeira do Goberno, Nadia Calviño, xa avanzou hai semanas que á volta das vacacións de verán falaríase cos axentes sociais do SMI para o que resta de ano. Ata ese momento, Calviño defendera que era necesario esperar a que os indicadores macroeconómicos mostrasen con claridade «para non poñer en risco a recuperación económica», argumento apoiado polo propio presidente do Goberno, Pedro Sánchez.
Precisamente, Sánchez dixo este xoves que a recuperación económica non poderá ser total se non é xusta, e iso significa, dixo «unha recuperación que se traslade aos salarios, ao emprego dos nosos mozos con máis oportunidades e tamén que se traslade a unhas xubilacións dignas para os nosos maiores».