- A nova ETAP e a humanización do entorno do recinto feiral de Paiosaco terán unha achega municipal de 409.000 euros
O goberno local da Laracha presentou este mércores os presupostos para o próximo ano cunha cifra que supera os oito millóns de euros. Máis dun 20%, arredor de 1,7 millóns de euros, irán destinados a proxectos de protección social, pero tamén destacan melloras en infraestruturas municipais.
No relativo a investimentos reais inclúense un total de 834.300 euros para a mellora da rede viaria municipal. Nesa partida xa se concretan unha serie de intervencións que alcanzan un importe total de 798.000 euros. Contémplanse actuacións desas características en estradas de 42 núcleos de poboación e os seus accesos situados nas 13 parroquias do termo municipal. Na parroquia de Erboedo actuarase nos núcleos de Paredes, O Igrexario e San Paio; en Coiro melloraranse os lugares de Novás e A Ferrulleira, así como a estrada entre O Coto e As Meneiroas; xa en Soutullo procederase a actuar en O Vilar, Os Bidueiros e A Abeleira e estrada entre Groba e O Vilar do Boi; na parroquia de Golmar destacan melloras en O Igrexario e As Talladas; en Lendo acondicionaranse as vías dos núcleos de O Canle, O Cruceiro Novo (inclúe mellora da rede de pluviais) e Samiráns; en Lestón intervirase en Os Currais e na estrada que une A Rabadeira con O Igrexario e na parroquia de Vilaño melloraranse os lugares de Os Meáns e O Formigueiro, así como a estrada desde A Botica ata O Pino. Tamén estarán en obras os camiños dos núcleos de A Portela e A Barreira, a estrada entre a Avenida de Caión e O Campo e a estrada entre Riotorto e a vía provincial DP 0513, na parroquia de Torás; mentres que na Montemaior se verán afectados O Raño, O Penedo, Adrán e a Carballa Redonda e estrada entre A Baiuca e A Pena. O proxecto de mellora tamén contempla actuacións nas parroquias de Cabovilaño, concretamente en A Braña e O Cancelo; Soandres, con obras en Borreiros e Curros; Lemaio, nos núcleos de A Fontaíña e Proame e, por último, realizaranse obras en Cima de Vila, na parroquia de Caión.
Estes proxectos de investimento en infraestruturas viarias de titularidade municipal quedarían vinculados nos orzamentos aos fondos que percibirá o Concello da Laracha do Plan de Obras e Servizos POS+2022 da Deputación da Coruña.
Ademais, no capítulo 7 dos presupostos (transferencias de capital), inclúense os 409.400 euros que achegará o Concello para outros proxectos de investimento en infraestruturas que serán cofinanciados coa Xunta de Galicia tralos convenios recentemente asinados. Trátase, por unha parte, da construción da nova estación de tratamento de auga potable e o depósito de cabeceira para reforzar o servizo de abastecemento que se realizarán en colaboración con Augas de Galicia (investimento total de 1.850.000 euros) e da humanización de rúas no entorno do recinto feiral de Paiosaco (investimento total de 132.000 euros) que se levará a cabo en cooperación coa Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.