O goberno local da Laracha elevará este xoves ao Pleno a súa proposta para o POS+2024

2 minutes read

Este xoves 8 de febreiro celebrarase unha sesión ordinaria do Pleno á que o goberno local da Laracha elevará a súa proposta para destinar os fondos do Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (Plan Único Concellos) POS+2024, asunto que será sometido o luns ao ditame da Comisión Informativa de Asuntos Xerais do Pleno.

Con cargo ao POS+ 2024 o Concello da Laracha percibirá un total de 747.588,46 euros da Deputación da Coruña divididos en tres achegas con diferentes finalidades: 279.316,80 euros destinaríanse a investimentos, 360.171,66 euros serían para gasto corrente e 108.100 euros corresponderían ao POS+ Adicional para o financiamento de gastos sociais extraordinarios.

Actuacións de investimento

Cos  279.316,80 euros para actuacións de investimento financiaríanse catro proxectos de mellora do pavimento na rede viaria en estradas de núcleos rurais situados en cinco parroquias diferentes.

A actuación máis ampla localízase en Montemaior, onde se propón actuar no núcleo de San Fins -incluíndo o acondicionamento dos sobreanchos e a mellora de rede de pluviais- e en Sabaceda.

Tamén está proxectada a ampliación da anchura da calzada en A Pedra de Coiro, ademais de actuacións de mellora da superficie de rodadura en A Lourenceira.

En Golmar interviríase na renovación do pavimento no núcleo de A Pedra, idénticas actuacións que se realizarían nos lugares de O Corgo de Abaixo, A Millarada e A Tapia, da parroquia de Soandres, e en Proame, de Lemaio.

De alcanzarse o acordo plenario, tamén quedaría definido o  Plan Complementario, que ten natureza de reserva e a súa finalidade é poder investir os créditos resultantes no caso de que se acordase unha maior achega para o POS+ ao longo do exercicio 2024.

Neste caso o orzamento alcanzaría os 227.122,91 euros e contempla actuacións de mellora da rede viaria nas parroquias de Cabovilaño (Padronelo, incluíndo o sobreancho e a mellora na rede de pluviais), Lendo (estrada que comunica O Campo da Porta con Lexas e ata A Torre) e Soandres (núcleos de O Priorato, As Senras e Encián).

POS+ Adicional

Como se detallou previamente, coa achega de 108.100 euros euros do POS+ Adicional financiaríanse gastos sociais extraordinarios que asumirá o Concello ao longo do ano en curso. Destacan neste apartado o reforzamento das axudas de emerxencia ás unidades de convivencia en risco de exclusión social e a adquisición dun vehículo que estaría ao servizo do persoal adscrito ao departamento de Servizos Sociais.

Estás seguro de que quieres desbloquear este artículo?
Desbloquear izquierda : 0
Estás seguro de que quieres cancelar la suscripción?