A Comisión Informativa de Asuntos Xerais do Pleno reuniuse este venres para someter a ditame a proposta do Goberno local relativa á participación do Concello no POS+ Adicional 2026 para gastos sociais extraordinarios e o destino dos fondos.
Ao Concello da Laracha correspóndelle percibir un total de 118.354,15 euros a través dese programa da Deputación da Coruña que o executivo municipal pretende repartir entre gasto corrente e investimentos.
O apartado máis amplo é o do gasto corrente, que ascende a 96.372,54 euros. Isto permitiría ampliar a dotación do fondo de emerxencia social, cubrir parte da achega municipal ao servizo de axuda no fogar e financiar programas de carácter social como A memoria da Laracha dirixido á prevención da soidade non desexada, Educa en positivo que é complementario de educación e apoio familiar e A Laracha acolle de alfabetización para persoas inmigrantes, así como a elaboración de estudos sobre o benestar emocional e a saúde mental da infancia e a adolescencia do municipio e de diagnose sobre a soidade non desexada, incluíndo a programación de actividades para abordar dita problemática.
No apartado de investimentos, a cantidade de 21.981,61 euros destinaríanse á adquisición de equipamentos informáticos e mobiliario que facilite e mellore a xestión do persoal municipal adscrito ao departamento de Servizos Sociais.
Este asunto será elevado para a súa votación e, de ser o caso, aprobación, ao Pleno, convocado para o mércores da semana que vén en sesión extraordinaria.