O Goberno local da Laracha propón destinar a gasto corrente a totalidade dos fondos do POS+ 2026

A Comisión Informativa de Asuntos Xerais do Pleno reuniuse este luns para someter a ditame a proposta do Goberno local relativa á participación do Concello no Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (Plan Único Concellos) “POS+ 2026” impulsado pola Deputación da Coruña.

Ao Concello da Laracha correspóndelle percibir 1.006.010,28 que o Concello pretende destinar integramente ao financiamento de gasto corrente. Sumados a achega municipal de 597.789,13 euros, o montante total ascende a 1.603.799,41 euros.

Tamén se expuxo a proposta para os fondos do Plan Complementario 2026, que ten natureza de reserva e a súa finalidade é poder investir os créditos resultantes no caso de que se acordase unha maior achega para o POS+ ao longo deste curso. Nese caso o orzamento previsto é de 138.092,40 euros para o financiamento de proxectos de mellora da rede viaria que afectarían aos núcleos da Revoltiña, A Armada Nova e A Armada Vella na parroquia de Soandres e ao de Cercido en Erboedo.

Tamén se tratou na Comisión Informativa a adhesión do Concello da Laracha á Rede Española de Ciudades Saludables, que é unha sección da Federación Española de Municipios y Provincias (FEMP) que traballa de maneira coordinada co Ministerio de Sanidad para impulsar e estender a promoción e protección da saúde e o benestar dos cidadáns en concordia cos principios de actuación da Organización Mundial da Saúde (OMS). Está formada por máis de 500 municipios de toda España que agrupan a 25 millóns de persoas.

Estes asuntos serán elevados ao Pleno ordinario do mes de xaneiro que se celebrará o próximo xoves ás 13:30 h na Casa da Cultura da Laracha.

Related posts

Camariñas incorpora no Plan Único obras por valor de 681.000 euros

Afaber acerca o seu Proxecto de Sensibilización Interxeracional ao alumnado do IES Alfredo Brañas de Carballo

O Concello de Carballo continúa a apostar polo galego como elemento clave de integración social