A Coruña atenderá as melloras de accesibilidade reclamadas polas persoas afectadas polo glaucoma

1 minutes read
  • Desde o colectivo móstranse preocupados polo mal uso que, nalgunhas ocasións, se fai da bicicleta e doutros vehículos de mobilidade persoal

O concelleiro de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada, reuniuse este xoves en María Pita con Luís García Gómez, delegado na Coruña da Asociación Galega para a Prevención do Glaucoma, no que foi un primeiro encontro de carácter institucional para falar de temas relativos á mellora de accesibilidade do colectivo de persoas afectadas pola enfermidade. Villoslada comprometeuse a atender as súas reivindicacións e comunicoulles que contará coa asociación nos grupos de traballo da Mesa pola Mobilidade en materia de accesibilidade e humanización dos espazos públicos.

O representante da asociación trasladoulle ao edil a preocupación do colectivo sobre o mal uso que, nalgunhas ocasións, se fai da bicicleta e doutros vehículos de mobilidade persoal. Neste sentido, Villoslada lembrou que os peóns son a principal preocupación do Concello á hora de poñer en marcha actuacións encamiñadas a mellorar a mobilidade e accesibilidade na cidade. «Dámoslles prioridade ás persoas viandantes no desenvolvemento de novos espazos públicos», recalcou.

Pola súa banda, Luís García comunicoulle ao titular de Urbanismo a intención da asociación de usar o escano cidadán no Pleno da cidade. Para iso, representantes da entidade autonómica están a levar a cabo unha rolda de contactos cos grupos políticos da Coruña.