O goberno local de Muxía aposta en firme pola gardaría cun proxecto máis ambicioso

1 minutes read
  • Os traballos contarán cun orzamento de 110.000 euros, o dobre que inicialmente, e consistirá nunha reforma integral deste espazo, tanto en interiores como no exterior.

Despois das reunións mantidas por parte do goberno local co xerente do Consorcio, Perfecto Rodríguez, institución ca que hai “total sintonía”, en verbas do alcalde, Iago Toba, acordouse que o Concello porá a disposición un novo local e o financiamento para levar a cabo as obras de rehabilitación mentres que o Consorcio incorporará a escola infantil á súa rede de centros e encargarase de dotala de persoal e equipamentos.

O goberno local sempre foi consciente da necesidade urxente de ter unhas novas instalacións polo que está enfocando o proxecto a un espazo xa existente que habería que reformular totalmente. O proxecto estará ao dispor da veciñanza no Edificio de Servizos Múltiples para que todas as persoas que así o desexen poidan consultar os planos. Será posible facelo de 16:00 a 20:00 horas.

O equipo de goberno visitou o emprazamento que se pretende acondicionar para ver os planos e seguir avanzando na consecución de tal fin. A nova escola infantil contaría con dúas salas, baños adaptados, vestiarios para o persoal, oficinas, zona de catering, espazos de lavandería, zona de entrada e almacén de carros, zona exterior de xogos e descanso e incluso espazo cuberto de xogo e actividades.