O goberno local de Muxía demanda unha maior cobertura de persoal no Centro de Saúde

1 minutes read

O goberno local presentou en sesión plenaria unha moción de urxencia demandando unha maior cobertura de persoal no Centro de Saúde. A proposta, en verbas do rexedor, Iago Toba, “é froito das demandas da veciñanza”, xa que “moita xente me ten trasladado as súas inquedanzas respecto da problemática do servizo a nivel xeral e coas citas previas a nivel particular”.

A situación preocupa, e moito, ao goberno local de Muxía, xa que non se garante unha cobertura mínima na atención primaria. O SERGAS non cubre a tempo completo as baixas dos facultativos que traballan no edificio e tampouco se cubren vacacións.

Nestes momentos, no Centro de Saúde muxián só hai un doutor para máis de 4.500 habitantes, supoñendo un grave prexuízo para os usuarios e usuarias, “estando totalmente desprotexidos”, admiten desde o goberno local.