O Goberno local de Santiago abre expediente á empresa que xestiona os centros cívicos


A Xunta de Goberno acordou iniciar un expediente a Ferrovial, a empresa adxudicataria do servizo de dinamización e mediación sociocultural da Rede de Centros Cívicos, polo incumprimento reiterado das condicións establecidas no seu contrato. O alcalde, Martiño Noriega, deu conta da decisión “que responde ás deficiencias que se veñen observando no funcionamento do servizo e que se poden considerar infraccións moi graves”.

Ferrovial empezou a xestionar os centros cívicos en xullo de 2018, e a partir de outubro empezáronse a recibir queixas da veciñanza sobre a prestación do servizo. Foi entón cando o Goberno decidiu reforzar o control sobre o funcionamento da rede e sobre a adxudicataria, e cando se nomeou unha comisión técnica de supervisión integrada por tres traballadores municipais que mantivo reunións semanais coa empresa para analizar as incidencias detectadas nos centros.

A comisión técnica para o seguimento do Servizo de Centros Cívicos elaborou un informe no que se recollen deficiencias relativas a cuestións de persoal, de material e de coordinación que “afectan á esencia do servizo, e que se poden considerar infraccións moi graves, que levan aparellada unha sanción máxima de 30.000 euros”. A empresa Ferrovial recibirá a notificación do inicio do expediente e terá un prazo de 15 días para presentar as alegacións que estime oportunas.