O goberno local de Vigo construirá o túnel da Porta do Sol “a ceo cuberto”

1 minutes read

O alcalde, Abel Caballero, visitou as obras da Porta do Sol onde está traballando unha máquina de micropilotaxe que se encargará de instalar os pilotes, unhas columnas de formigón profundas para conter o terreo e poder iniciar as escavacións posteriormente. Caballero deu conta tamén do traslado da figura do Dinoseto desde á Alameda de Compostela onde permanecerá arredor dun ano e medio mentres se realizan os traballos na Porta do Sol.

A previsión do goberno municipal é que estes labores de micropilotaxe continúen ao longo de todo o mes de novembro, a continuación acometerase o acondicionamento do aparcamento, e namentres, están realizándose as gabias necesarias para crear a gran praza da Porta do Sol.

O rexedor avanzou que na rúa Elduayen o traballo vai desenvolverse de xeito diferente xa que se instalará a cubrición mentres se realiza a escavación do túnel, de xeito que se traballará “a ceo cuberto” , unha fórmula “complexa e que custa cara” pero que permitirá “evitar o máximo posible as molestias” ás persoas que viven nesa zona e aos comercios.

A obra ten un orzamento de 17 millóns de euros e está cofinanciada con Fondos Feder da Unión Europea dentro do proxecto Edusi-Vigo Vertical.