O goberno local decide ampliar unha semana máis o parque de atraccións de Muxía

1 minutes read

O Concello de Muxía decidiu ampliar durante unha semana máis o parque de atraccións que leva instalado na praza do Coido desde o pasado 23 de xuño. Deste xeito, a feira estará ata o vindeiro domingo, 4 de xullo, mantendo a mesma localización.

O grupo de goberno tomou esta determinación ante a gran acollida que tivo esta iniciativa entre a veciñanza e visitantes. Ademais, foi clave nesta decisión a boa situación sanitaria que ten Muxía en canto aos casos de covid19, xa que leva varios días con 0 casos contabilizados.

Desde o goberno local destacan que o parque seguirá contando durante estes días con control de aforo nas atraccións e respectando, en todo momento, as medidas hixiénico-sanitarias que determina a normativa vixente.

O alcalde, Iago Toba, mostrouse “sorprendido e agradado do éxito rotundo que tivo esta iniciativa e por iso, queremos alargar a estancia do parque de atraccións, para dar un impulso á vida no pobo e na economía local”.