- Nas vindeiras semanas activarase a licitación de diversas obras, e tamén haberá reunións para avanzar en proxectos «prioritarios» como a escola infantil
O equipo de goberno de Muxía conformado polo alcalde, Iago Toba, e os concelleiros Javier Romar e Olalla Benlloch, seguirá traballando por «intentar sacar adiante os proxectos que foron bloqueados pola oposición no pasado pleno«. Proxectos nos que se pretendía destinar máis de 700.000 euros á creación dunha escola infantil, melloras en infraestruturas e fomento de emprego, entre outras cousas.
Desde a executiva xa están traballando para activar a licitación de diversas obras, así como a celebración de diferentes reunións para avanzar en proxectos «prioritarios» para o equipo de goberno como a escola infantil ou a bomba de abastecemento na ETAP, que proporciona subministración a parte de Muxía.
Á súa vez, retomaranse as obras e reparacións nas estradas que estaban paralizadas por mor das inclemencias meteorolóxicas; mentres que os obradoiros de emprego seguirán realizando tarefas de mellora por todo o municipio.