O goberno municipal esixe que se restableza o servizo de Atención Primaria no Centro de Saúde de Zas

2 minutes read

O goberno municipal de Zas súmase á indignación dos usuarios e usuarias do Centro de Saúde de Zas e esixe que se restableza canto o antes o servizo de Atención Primaria para garantir unha asistencia de calidade para toda a veciñanza.

Ademais de levar máis dun ano cun servizo de pediatría reducido a 15 horas semanais, os usuarios e usuarias do Centro de Saúde de Zas sofren importantes consecuencias debido á baixa dun dos dous titulares ofrecendose así un servizo de pouca calidade e poñendo en risco a saúde dos veciños e veciñas. Masificacións nas consultas, retrasos de até 15 días nas citas de Atención Primaria, cupos desbordados, consultas abandonadas cando o outro sanitario do centro ten que atender unha urxencia,… son algunhas das situacións ás que se enfrontan día a día os veciños e veciñas de Zas.

Ante as numerosas queixas cidadás, o Alcalde enviará de inmediato unha petición á Consellería de Sanidade para trasladarlle o malestar da veciñanza e para reclamar unha urxente solución á situación actual. O Alcalde de Zas, Manuel Muíño esixirá que por parte da Xunta, que é a administración competente en materia sanitaria, se adopten coa máxima urxencia as medidas precisas para que todos os veciños e veciñas do noso concello reciban a atención médica que precisan e merecen.

O deterioro da sanidade pública é un problema que afecta a toda Galicia e que se agravou nos últimos meses especialmente no rural. A situación é ainda peor no caso de Zas, xa que son dous os titulares médicos – un deles está actualmente de baixa laboral – os encargados de atender o Centro de Saúde de Zas xunto cun especialista en pediatría que presta un total de 15 horas semanais repartidas entre os Centros de Saúde de Baio e de Zas. Así, ao longo do día son varias as horas nas que un único médico de familia atende aos seus pacientes e as urxencias.

Estás seguro de que quieres desbloquear este artículo?
Desbloquear izquierda : 0
Estás seguro de que quieres cancelar la suscripción?