O Goberno pecha as súas fronteiras e só poderán entrar no país españois e traballadores acreditados

O Ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska_Fonte: @desdelamoncloa

  • En España hai máis de 9.000 afectados, 530 recuperados e 309 falecidos

O ministro do Interior Fernando Grande- Marlaska anunciou nunha rolda de prensa que a partir desta medianoite España pecha as súas fronteiras terrestres, permitindo o acceso ao país só a españois, residentes, traballadores transfronteirizos e todas aquelas persoas que conten cun motivo maior para o seu tránsito.

«É unha medida necesaria, razoable e proporcional para asegurar o fin último: protexer a seguridade e a saúde de todos nós e conter a expansión do coronavirus», destacou Marlaksa, quen ademais sinalou que esta medida estará vixente ata que finalice o estado de emerxencia.

Segundo os datos oficiais comunicados polo Ministerio de Sanidade ás 13 h deste luns, España conta con 9.191 afectados por coronavirus (245 en Galicia), situándose así como o segundo país do mundo con máis novos casos e o cuarto en número de infectados. O número de mortes cífrase en 309 e 530 persoas xa se recuperaron.

As Comunidades Autónomas cunha maior incidencia acumulada nos últimos 14 días son A Rioxa, que suma un total de 312 casos; Madrid con 4.165 afectados, Navarra con 274 e o País Vasco, que conta con 630 enfermos en total.