O Goberno planea exhumar os restos de Primo de Rivera

moncloa.com

Primeiro foi Franco e agora José Antonio Primo de Rivera. O Goberno español anunciou este martes a súa intención de levar a cabo a exhumación dos restos do líder da falanxe. A decisión tómase no marco do anteproxecto da lei de Memoria Democrática na que se inclúe a «resignificación» do sempre controvertido Valle dos Caídos.

O ministro de Presidencia, Félix Bolaños, confirmaba que o Goberno falará coa familia antes de proceder á exhumación: «Poñemos por diante ás vítimas, porque queremos que as miles de familias que aínda hoxe seguen buscando os restos dos seus familiares e os seus antepasados saiban que contan co Goberno para axudarlles nesa misión», dicía Bolaños.

O ministro non aclaraba por outra banda a cuestión dunha posible recolocación da cruz do Valle dos Caídos, aínda que lembra que é un asunto máis complexo xa que o recinto non deixa de ser un lugar de culto. A intencion final da lei de Memoria Democrática é a de retirar «calquera distinción, símbolo ou título nobiliario» a todo aquel que os recibise «por ser protagonista ou ben da ditadura ou ben da Guerra Civil Española». A extinción da Fundación Francisco Franco, algo máis complicada legalmente falando, forma tamén parte dos obxectivos deste proxecto de lei.