O Goberno podería estar a negociar unha prórroga do estado de alarma dun mes

1 minutes read

Carmen Calvo, vicepresidenta do Goberno, está a sondar os grupos parlamentarios para buscar fórmulas legais que permitan concluír a desescalada. Entre esas fórmulas estaría a prórroga do estado de alarma por un mes en troques de quince días, como se viña facendo ata o de agora. Así o indican fontes parlamentarias. 

Polo momento os contactos, confirmados por fontes do Executivo, limítanse a investigar as vías coas que pór fin á desescalada dun xeito consensuado. Na votación da última prórroga, a medida saíu adiante con dificultades e despois dunha dura negociación. Ciudadanos e o PNV votaron a favor tras negociar co Executivo, pero ERC votou en contra. O PP abstívose, malia que anunciou que votaría en contra da seguinte prórroga.

Por outra banda, Sánchez non lle informou a Arrimadas sobre esta cuestión na conversa que ambos mantiveron este martes, segundo apuntan fontes de Ciudadanos e que din que «en ningún momento» se falou da posibilidade de que o Executivo pida á Cámara unha prórroga por trinta días.