O Goberno pon veto á mobilidade en Semana Santa


O Ministerio de Sanidade impulsa o peche perimetral e a redución dos contactos en Semana Santa porque o momento é “absolutamente crítico” para evitar unha cuarta onda e este xoves obtivo o apoio da maioría de autonomías, aínda que Madrid oponse e outras comunidades mostran algunhas reticencias.

Sanidade non logrou un acordo no Consello Interterritorial, pero si o acordou este xoves na Comisión de Saúde Pública, aínda que o plan pactado neste órgano técnico deberá ser ratificado o vindeiro mércores polos conselleiros autonómicos nese organismo de coordinación territorial.

A estratexia ante estes días festivos prevé o peche perimetral das autonomías, un toque de queda de 22.00 a 6.00 común a todo o territorio, limitar a catro persoas as reunións e desaconsellar os encontros de non convivientes en domicilios e espazos pechados.

O documento volve pedir que se eviten todas as viaxes que non sexan necesarias, aínda que non fai unha recomendación específica para os estudantes como se propuxo no borrador inicial.

O obxectivo é que este acordo sexa ratificado baixo a forma dunha declaración de actuacións coordinadas, polo que sería de obrigado cumprimento en todos os territorios, tamén nos que este xoves expresaron a súa oposición.

A secretaria de Estado de Sanidade, Silvia Calzón, defendeu a necesidade de endurecer as medidas porque aínda non se conseguiu a cobertura da vacinación, existe a ameaza das variantes do virus e “non todas as semanas do ano son iguais”.”Que estes días non sexan unha ruptura da burbulla estable”, pediu xunto ao director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias, Fernando Simón.