O Consello de Ministros propuxo este martes a Teresa Peramato como nova fiscal xeneral do Estado, en substitución de Álvaro García Ortiz, que dimitiu este luns, tras coñecerse a condena do Tribunal Supremo a dous anos de inhabilitación por revelación de datos do caso de fraude fiscal de Alberto González Amador, noivo da presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso. Peramato é fiscal de Sala Xefa da Sección Penal da Fiscalía do Tribunal Supremo e tamén fiscal de Sala Delegada para a Protección e Tutela das Vítimas no Proceso Penal. Nada en Salamanca en 1962 e licenciada en Dereito pola Universidade de Salamanca, ingresou na carreira fiscal en 1990, pasando por diversas fiscalías -Tenerife, Valladolid e Barcelona- ata que recalou en Madrid, onde en 2005 foi nomeada fiscal delegada para a sección de violencia sobre a muller.