A Deputación da Coruña destina este ano unha partida global de 468.891,69 euros para apoiar a 31 confrarías de pescadores e agrupacións de mariscadoras da provincia na contratación de persoal e na modernización dos seus procesos de produción e comercialización.
Na Costa da Morte as inversións suman máis de 141.000 euros repartidos entre entidades de Cabana-Ponteceso, Camariñas, Camelle, Corme, Laxe, Malpica, Fisterra, Muxía e Corcubión.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou que con estas liñas de axudas a área de Promoción Económica do goberno provincial quere seguir apoiando a un «sector estratéxico, de gran importancia social e económica en Galicia e na provincia da Coruña» e lembrou que a acuicultura e a pesca xeran arredor de 40.000 empregos e supoñen máis do 2% do PIB da comunidade.
As concesión provisional das axudas, que oscilan entre os 5.280 e os 18.000 euros, publicaronse este mércores no Boletín Oficial da Provincia e destinaranse a apoiar ás confrarías coruñesas na contratación de persoal, adquisición de sementes de moluscos, mellora da produtividade dos bancos marisqueiros, aluguer de maquinaria ou equipamentos necesarios para o desenvolvemento das súas actividades, modernización do proceso produtivo dos produtos do mar ou contratación de servizos externos, como a vixiancia ou os servizos de gardapesca marítima, entre outros fins.