O Goberno reabrirá as fronteiras terrestres con Marrocos o próximo 17 de maio


O ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, asinará esta semana a orde ministerial de fronteiras que modificará a que mantiña pechados estes pasos desde marzo de 2020. A reapertura é froito do traballo bilateral realizado coas autoridades marroquís no marco da folla de roteiro acordado tras o encontro mantido polo presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e o rei de Marrocos, Mohamed IV, e que permitiu fixar os mecanismos que rexerán a reapertura -gradual, ordenada e con todas as garantías de seguridade e sanitarias- dos pasos fronteirizos entre ambos os países.

Dado ese carácter gradual acordado, a primeira fase da reapertura comezará ás 00:00 do próximo 17 de maio, momento no que a través dos pasos do Tarajal, en Ceuta, e de Beni Enzar, en Melilla, poderán acceder a territorio español os cidadáns e residentes na Unión Europea e aquelas persoas autorizadas a circular no espazo Schengen. En ambas as categorías, para acceder a Ceuta e Melilla será imprescindible cumprir os requisitos sanitarios que dispoña o Ministerio de Sanidade para estes postos habilitados terrestres.

A partir do próximo martes 31 de maio, tamén poderán ingresar en territorio español os traballadores transfronteirizos legalmente recoñecidos. Dentro deste proceso gradual, os grupos de traballo hispano-marroquís determinarán as seguintes categorías de persoas e mercadorías que poderán acceder a Ceuta e Melilla a través da fronteira con Marrocos.

Ademais, a orde de fronteiras que ditará o ministro do Interior prorroga todas as restricións que se aplican na actualidade ás fronteiras exteriores terrestres, marítimas e aéreas españolas en virtude das recomendacións do Consello da Unión Europea con motivo da crise sanitaria ocasionada pola Covid-19 ata as 24:00 horas do 15 de xuño de 2022, e substitúe á actual, que quedaba sen validez este domino 15 de maio.

De forma complementaria, e para garantir as necesidades de seguridade, o Ministerio do Interior reforzou os efectivos policiais tanto en Ceuta como en Melilla.