O Consello de Ministros aprobou o Anteproxecto de Lei de Transparencia e de Integridade nas Actividades dos Grupos de Interese, que agora iniciará o seu proceso de información pública. Por primeira vez regúlase a actividade destes grupos, tamén denominados lobbies, nas súas relacións coa Administración Xeral do Estado (AGE) e o seu sector público, clarificando como se deberán producir as relacións entre quen busca exercer unha lexítima actividade de influencia e aqueles altos cargos, directivos ou empregados públicos implicados na toma de decisións e nos procesos de elaboración de disposicións normativas e políticas públicas.
A ministra de Facenda e Función Pública, María Jesús Montero, afirmou que esta nova norma é froito do «compromiso do goberno coa mellora da calidade democrática do noso país» e permitirá dar un gran paso adiante en materia de transparencia e bo goberno e que España se equipare coas democracias máis avanzadas dos países da súa contorna.