O Goberno remite ás Cortes a reforma sobre saúde sexual e reprodutiva

1 minutes read

O Consello de Ministros aprobou a remisión ás Cortes do Proxecto de Lei Orgánica pola que se modifica a Lei Orgánica 2/2010, do 3 de marzo, de Saúde Sexual e Reprodutiva e de Interrupción Voluntaria do Embarazo.

A ministra de Igualdade, Irene Montero, afirmou que esta lei garante o acceso efectivo á interrupción voluntaria do embarazo na rede pública e os dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres, que son un medidor fundamental da calidade democrática dun país: «O dereito para decidir sobre o noso propio corpo forma parte do dereito fundamental á saúde, pero ademais é a porta de entrada para o exercicio a outros moitos dereitos e para o exercicio, en definitiva, da posibilidade de decidir os nosos proxectos de vida».

A nova lei garantirá o acceso efectivo ao dereito á interrupción voluntaria do embarazo na rede pública, que será a de referencia. As mulleres que o decidan poderán someterse a esta intervención no centro hospitalario público máis próximo ao seu domicilio e terán dereito a unha incapacidade temporal mentres dure a súa recuperación.

As mulleres de 16 e 17 anos e as mulleres con discapacidade poderán decidir acerca do seu embarazo e desaparecen, para todos os casos, as esixencias actuais de información previa e tres días de reflexión.

A pílula do día despois dispensarase de forma gratuíta nos centros de saúde e deberá estar dispoñible de forma obrigatoria en todas as farmacias.

Pola súa banda, os métodos anticonceptivos distribuiranse sen custo en institutos, centros penais e centros asociados aos servizos sociais, priorizaranse os de última xeración e promocionarase a corresponsabilidade, xa que esta cuestión «non pode ser unha responsabilidade exclusiva das mulleres como ocorre actualmente», sinalou Irene Montero.