O Boletín Oficial do Estado publicou a orde de bases para a convocatoria das axudas 5G Redes Activas do programa UNICO, que contarán cun orzamento de máis de 500 millóns de euros para despregar en municipios de menos de 10.000 habitantes o equipamento necesario nos servizos de 5G.
A secretaria de Estado de Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais, María González Veracruz, informou que son unhas axudas pioneiras en Europa coas que o Goberno de España quere evitar a aparición dunha brecha territorial na implantación do 5G. Perseguen o obxectivo de garantir a cohesión territorial mediante a conectividade universal en España a esta tecnoloxía que vai marcar todo tipo de tendencias económicas e sociais nos próximos anos.
As axudas 5G Redes Activas forman parte dos diferentes programas UNICO que está a desenvolver o Goberno de España a través da Secretaría de Estado de Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais. Unhas axudas coas que se está dotando de igualdade de oportunidades en conectividade como un novo dereito da cidadanía con independencia do lugar no que residan ou leven a cabo a súa actividade económica.