O Goldie Xiria Carballo Turismo cae ante un rival que se mostrou superior

1 minutes read
  • O equipo carballés non se dá por vencido e seguirá loitando polos seus obxectivos.

O Club Balonmán Pabellón de Ourense, mostrouse superior ao Goldie Xiria (20-15) desde os primeiros instantes do encontro que enfrontou aos dous conxuntos. A pesar do 0-2 inicial, as bergantiñás puxeron todo o empeño en non deixar que o seu rival se escapase cunha diferenza importante ao primeiro de vez e conseguiron manter unha mínima diferenza ata o meridiano deste primeiro tempo (4-5). Os algarismos estaban a ser baixos, xa que ambos os conxuntos apelaban á súa fortaleza defensiva como principal recurso.

As locais entraban nun vórtice de erros que non lles permitía igualar a contenda e, ao cabo, tanto era o desacerto que as ourensás aproveitaban o momento para conseguir un 0-4 de parcial (4-8). Tentaríao o equipo de Carballo variando o seu defensa e cortaría a sangría dese instante, pero o dano estaba feito e as visitantes marcharíanse cunha cómoda diferenza ao tempo de descanso (6-11).

Os seguintes parciais, unha vez iniciado o segundo acto, non serían tan avultados a favor das de Ourense, pero sumados aos cinco goles que xa posuían de renda, disparaba a diferenza, que chegaba a ser de nove goles a falta de dez minutos para a conclusión do envite. Lonxe de darse por vencido, o Goldie Xiria Carballo Turismo tentaríao con varias alternativas defensivas e xunto a un caracter competitivo notable, conseguirían un 5-1 de parcial neses últimos dez minutos e, polo tanto, reducir a diferenza aínda que non impoñerse a un rival que fora superior durante os sesenta minutos.