O Gran Fondo Ézaro | Un desafío épico na Costa da Morte

1 minutes read

O Gran Fondo Ézaro presúmese como un desafío que conta con todas as garantías, para que a única preocupación dos participantes sexa gozar e pedalear. Este domingo a Costa da Morte volveu ser ciclista a través dos cicloturistas que gozaron dun percorrido espectacular, onde o ‘muro’ do alto do Miradoiro foi, como xa é tradición, o esforzo final. A proba partiu da contorna da fervenza do Ézaro e discorreu por varias localidades dos concellos de Dumbría, Cee, Vimianzo, Mazaricos, Carnota e Muxía. En total foron máis de 100 quilómetros dunha proba que incorporou este ano como novidade un treito de camiños de terra de máis de 2,5 km. Xosé Merelles, director de Turismo de Galicia, encargado de entregar os trofeos, salientou o valor turístico da carreira que conta co apoio da Xunta e que se converteu en “escaparate privilexiado para promocionar a Costa da Morte e, en xeral, a sostibilidade do destino Galicia”. Na cita de meta tamén estiveron Juan Carlos Muñiz, presidente da Federación Galega de Ciclismo; Mar Ferreiro, directora territorial da Xunta de Galicia na Coruña; Raúl González, alcalde de Dumbría e Juan Manuel Saborido, alcalde de Carnota. Na saída, pola súa banda estiveron o deputado de Deportes, Antonio Leira e a alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez. A choiva desluciu a proba na que Purito Rodríguez volveu a enfrontarse ao muro de cemento, aínda que non con tanto éxito como outrora, cun tempo de 3.40,48. O primeiro en cruzar a meta foi o vigués Iago Alonso, empregando 3 horas 18 minutos e 6 segundos. A primeira muller en cruzar a liña de meta foi Alejandra Neira, unha das grandes promesas do ciclismo nacional e que xa foi quen de gañar o Campionato de España de Contrarreloxo fai unha semana en Granada.