No ano no que se cumpren as dúas décadas desde que o descenso das Carrilanas de Esteiro goza do recoñecemento de Festa de Interese Turístico de Galicia, a Xunta vén de informar favorablemente a concesión da categoría de interese turístico nacional para o Gran Premio das Carrilanas de Esteiro, segundo a orde ITC/85/2019, do 25 de xullo, pola que se regula a declaración de festas de interese turístico nacional e internacional.
Malia que nesta edición non se puido levar adiante a tradicional competición, e segundo a documentación remitida neste caso pola Asociación Deportiva e Cultural Esteirana de Carrilanas, que é a entidade promotora da solicitude, a Administración autonómica vén de remitirlle hoxe á Secretaria de Estado de Turismo, do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo o expediente administrativo co informe favorable da Xunta para a declaración desta festa co distintivo de interese nacional.
O informe remitido por Turismo de Galicia ao Ministerio recolle así que, de acordo coa documentación presentada pola entidade promotora, o evento cumpre os requisitos preceptivos para que sexa valorada pola Secretaría de Estado de Turismo, organismo competente para formalizar esta distinción.