O Grupo Lemaco A gaña o seu Play-Off e clasifícase para disputar a División de Honra

2 minutes read
Cedida.

Esta fin de semana disputouse en Carballo un dos Play-Off de ascenso coa participación do equipo local, o Grupo Lemaco Xiria A, o Balonmán Chapela de Redondela e o Atlético Novás de O Rosal, en xogo estaba a participación na Liga de División de Honra Cadete Masculina. O Xiria foi quen de vencer aos dous rivais e facerse coa primeira praza.

Arrincaba na tarde do venres o primeiro partido entre o Grupo Lemaco e o Chapela, os nervios dos primeiros minutos convertéronse en precipitación e pouco acerto de cara a gol, co transcorrer do encontro o Xiria ía asentando a defensa o que propiciaba a saída con velocidade nas contras, marcaba diferenza no marcador e os xogadores empezaban a sacudirse os nervios. Tan so a maior altura de algúns compoñentes dos contrarios poñía en apuros a defensa do Xiria que no ataque empezaba a conseguir gol sen dificultade. Ampla diferencia no resultado final, 31 a 19.

O domingo medíanse o Grupo Lemaco e o Atlético Novás, que o sábado gañara ao Chapela por 30 a 33, polo que decidíase quen disputaría a División de Honra. Dende o primeiro minuto o Xiria amosouse moi superior, implacable en defensa e letal na contra, facéndose cada vez máis forte e dominador do partido, o seu rival viuse superado e incapaz de frear o xogo despregado polos locais. Non baixou de intensidade ata o descanso cando o marcador reflexaba un claro 23 a 7 goles.

Na segunda metade os carballleses baixaron o ritmo pero seguiron agrandando as diferencias no marcador ante un Novás que o intentaba pero vía como o Xiria era moi superior, ao final 40-18. Coa clasificación para a División de Honra o Grupo Lemaco medirase nunha liga a dobre volta cos mellores 12 equipos galegos por alcanzar o Campionato de España.