Os resultados do Grupo Nueva Pescanova no primeiro semestre do ano confirman que se está consolidando a recuperación. O EBITDA do período creceu un 73%, ata os 27 millóns de euros, fronte aos 15,6 obtidos no mesmo semestre do ano anterior. Á súa vez, as perdas reducíronse un 65%.
Do mesmo xeito, a tendencia nas vendas continúa á alza: de xaneiro a xuño, incrementáronse un 7,9%, alcanzando os 490,9 millóns de euros.
A mellora nos resultados responde fundamentalmente as medidas de eficiencia operativa, orientadas ao aumento da rendibilidade de todas as operacións e a contención de gastos, así como á renovación da estratexia comercial para priorizar as operacións de maior valor. Estas iniciativas, implantadas grazas ao compromiso e esforzo de todas as persoas da organización, foron tamén determinantes nesta evolución.
Os resultados do semestre confirman as previsións da compañía, polo que o Grupo continúa na senda do resultado neto positivo.
En definitiva, a compañía segue cumprindo metas e avanzando na recuperación, mantendo a estratexia para alcanzar unha maior solidez financeira e consolidar a mellora nos próximos meses.
Sobre o Grupo Nueva Pescanova
O Grupo Nueva Pescanova é unha empresa española especializada na pesca, o cultivo, a elaboración e comercialización de produtos do mar, tanto frescos, refrixerados como conxelados.
Emprega a ao redor de 10.000 persoas e opera en 17 países, vendendo os seus produtos en máis de 80 países de todo o mundo.