O grupo «O ritmo dos soños» de Caión, gañou o VI Concurso Quero Cantar na categoría infantil. A formación gañadora vén de coñecerse nunha gala que tivo lugar este domingo no Teatro Colón da Coruña e na que actuaron en directo as seis formacións finalistas ante un xurado formado por rapaces e rapazas das mesmas idades que as concursantes. «O Ritmo dos Soños», é unha formación que nace dentro do coro do CEIP de Caión co obxectivo de se presentar ao concurso ‘Quero cantar’. A banda está formada por alumnado de segundo, terceiro, quinto e sexto de primaria, máis o profesor de música do centro.
Á gala, que estivo conducida pola actriz e contadora, Soledad Felloza, tamén asistiu o deputado de Cultura, Xurxo Couto, cuxo departamento impulsa este concurso co obxecto de seguir promovendo e difundindo o uso da lingua galega e a creatividade poética e musical entre o público máis novo. Como artistas convidadas, e mentres os xurados deliberaban, actuaron a banda Bonhomía e a solista Noelia Perpetuo, gañadoras da anterior edición.