O Grupo Socialista esixe á Xunta a liberalización das peaxes da AG-55 e a AG-57

1 minutes read

A voceira de Infraestruturas do Grupo Socialista, Patricia Otero, vén de esixir á Xunta a liberalización das peaxes das autoestradas autonómicas AG-55 que une A Coruña e Carballo e da AG-57 que une Puxeiros e Val Miñor, xa que “é un clamor social, é hora de acabar con esta inxustiza”. Fíxoo no Pleno do Parlamento, a través dunha proposición non de lei presentada este martes.

Otero censurou o “espolio” ao que está sometida a veciñanza da Costa da Morte, Bergantiños e Val Miñor, “principais agravados fronte ao resto da cidadanía galega” cando as demais vías de altas prestacións da comunidade autónoma son gratuítas. Neste senso, a responsable socialista lamentou que, malia nacer sendo un vial público e gratuíto, a AG-55 privatizouse no ano 1997 aproveitando a inauguración do segundo tramo entre A Laracha e Carballo, o que supuxo “un proceso de espolio a quen lle foran expropiados os seus terreos para a construción dunha autovía pública”.

Nesta liña, a voceira socialista lembrou que a Consellería de Infraestruturas reduciu as tarifas das autovías galegas “para empresas de transporte e en horario noctuno”, o cal é “insuficiente” para a cidadanía afectada.

Por todo isto, a deputada instou á Xunta a presentar, no prazo de seis meses, os estudos precisos para proceder á “liberalización” destas dúas peaxes, así como establecer “de xeito inmediato” a rebaixa das peaxes para a totalidade das persoas usuarias”.