O Grupo Socialista pide consensuar un novo plan sectorial eólico

1 minutes read

O Grupo Socialista presentou emendas a Lei de Medidas Admistrativas e Fiscais dos orzamentos de 2022 para reclamar unha nova regulación do sector eólico en Galicia aproveitando o tempo de moratoria establecido pola Xunta. O deputado Martín Seco advirte de que os cambios normativos establecidos na lei -e posteriormente emendados polo propio PP- “lonxe de dar certezas ao sector e seguridade á veciñanza, seguen a xerar inseguridade nas empresas e traerá consigo unha paralización da instalación de enerxía eólica”. O parlamentario alerta desta posibilidade “nun momento crucial para aproveitar as oportunidades que xorden neste período de transición enerxética”, ademais de incidir “na contestación social existente pola falla dunha regulación que defenda os dereitos da cidadanía do noso do medio rural”.

Seco pon de relevo “os bandazos do goberno galego non contentan nin as empresas do sector nin aos colectivos e concellos afectados pola aparición de múltiples proxectos de parques eólicos no seu territorio”. Así, lembra que primeiro “aumentaban as distancias dos muíños ás vivendas para novos proxectos e repotenciacións, tal e como reclamabamos os socialistas dende fai meses, para logo seren emendadas polo PP, limitando moito a súa aplicación”.

Por iso, Martín Seco pide que nese período de moratoria para novos proxectos, establecido pola lei de acompañamento, “manteña a distancia mínima que establecera o goberno para todos os proxectos”. Tamén que “faga o esforzo de falar cos sectores afectados, tanto as empresas eólicas como concellos e colectivos, para desenvolver un novo Plan Sectorial Eólico”.