O grupo municipal socialista de Muxía presentou no núcleo rural de Leis un documento con 25 propostas destinadas a mellorar o concello, co obxectivo de que sexan incluídas no POS+2026. O dossier recolle actuacións tanto en parroquias rurais como no núcleo urbano e céntrase, principalmente, na mellora de infraestruturas básicas.
As iniciativas están estruturadas en catro grandes áreas: rede viaria, saneamento, núcleos de poboación e equipamentos públicos. Entre as actuacións máis destacadas atópanse a renovación de lugares interiores en Vilarmide, Calo ou Agrododó; melloras nas depuradoras de Muxía, Senande e Os Muíños; a execución de novo firme en varias estradas e camiños municipais; ou a mellora do alumeado público e das beirarrúas en distintos puntos do concello.
No ámbito deportivo e social, o documento inclúe a renovación integral das instalacións do campo de fútbol da Arliña e do Polideportivo Municipal, así como a mellora de pistas deportivas en Morpeguite e Senande. Tamén se propoñen actuacións en accesos a núcleos como Sorna ou Baldar, entre outros.
Desde o grupo socialista lamentan que estas propostas non puidesen ser presentadas nunha comisión informativa, ao asegurar que o goberno local, integrado por BNG, PP e independentes, rexeitou debatelas. “Pedían diálogo, pero cando hai propostas enriba da mesa non queren escoitar”, sinalou o portavoz socialista, Iago Toba, quen subliñou que, malia estar na oposición, “non imos deixar de traballar nin de presentar iniciativas para mellorar Muxía”.
Pola súa banda, o concelleiro Javier Romar destacou que o obxectivo do grupo socialista é “aportar ideas útiles e realistas que melloren a calidade de vida da veciñanza” e criticou o que cualificou como unha “parálise do goberno municipal”. Romar lembrou tamén que o anterior executivo, do que formou parte, contou cun importante volume de investimento avalado polos datos oficiais de licitación pública.
As propostas foron rexistradas oficialmente no Concello de Muxía e, segundo indican desde o PSOE local, seguirán insistindo na súa inclusión no POS+2026, ao considerar que responden a necesidades reais do municipio.