O Grupo Socialista reclama un Plan de retención de talento para frear a ‘fuga de cerebros’ de Galicia

1 minutes read

A portavoz de Innovación do Grupo Socialista, Leticia Gallego, reclamoulle á Xunta que aprobe con urxencia un Plan de retención de talento que permita frear a fuga de cerebros de Galicia. Gallego presentou unha proposición non de Lei neste sentido no Pleno do Parlamento que foi rexeitada polo PP, que “impide apostar pola ciencia, polos investigadores e polo futuro de Galicia” mentres o goberno de Rueda “é incapaz de reter o noso talento”.

A responsable socialista subliñou que “a Xunta de Galicia ten que elaborar urxentemente un Plan para a retención de todas esas persoas que marchan a traballar fora da nosa terra”, xa que “de seguir sen tomar ningunha medida, o problema demográfico será irreversible”. Explicou que Galicia é “unha das autonomías máis afectadas” pola marcha de mozos e mozas altamente cualificados.

Explica que un total de 8.257 traballadores e traballadoras galegas con titulación universitaria marcharon en 2022, entre os que se atopaban 6.575 técnicos e profesionais científicos e intelectuais. Esta Comunidade Autónoma perde cada ano un 5 por cento do total de contratos realizados a traballadores cualificadas, que marchan a Madrid ou a Cataluña, onde se firman respectivamente o 35 e o 15 por cento dos contratos de alta cualificación desprazados.