O parlamentario socialista Martín Seco vén de presentar unha batería de iniciativas parlamentarias para urxir á intervención da Xunta co obxecto de frear o peche da sucursal de Abanca na parroquia de Baíñas –Vimianzo- prevista para o próximo 8 de setembro, unha decisión que afectará a 700 veciños e veciñas.
O responsable socialista leva esta protesta ao Parlamento de Galicia para pedirlle á Xunta que “inicie de inmediato as xestións oportunas para que a entidade Abanca, herdeira das caixas de aforros galegas, manteña esta sucursal. Lembra a contestación social unánime contra esta decisión, que foi refrendada pola unanimidade dos tres grupos políticos que conforman a corporación municipal.
Explica que este peche afectará “moi negativamente na calidade de vida da poboación de máis idade, á que lle é imposible acceder ás novas utilidades tecnolóxicas coas que se pretende substituír o trato persoal cos empregados da sucursal”.
A reestruturación obrigará aos veciños e veciñas a desprazarse ata outra parroquia para realizar calquera xestión ou trámite bancario que precisen, ademais de afectar “sen dúbida á economía da zona, nomeadamente servizos, hostalaría e comercio”. O fenómeno da exclusión financeira derivado da reestruturación bancaria que está a afectar a numerosos concellos galegos, maioritariamente rurais, está a repercutir de maneira moi negativa no benestar da poboación.