O Grupo Socialista reclámalle á Xunta que mellore a parada de bus do Corgo, na Laracha


A portavoz de Infraestruturas do Grupo Socialista, Patricia Otero, reclamoulle á Xunta que mellore a parada de Bus do Corgo -Soandres-, no concello da Laracha. Otero pide que se inclúa no Plan de mellora de seguridade viaria e accesibilidade das paradas de autobús, que incorpora 18 intervencións na Laracha pero que “esqueceu” incorporar a do Corgo.

Lamentou que o PP intentara agochar que a Consellería “esqueceu” esta parada acusando ao goberno central: “son milongas que nin vostedes mesmos creen”. Ironizou con que segundo o PP “veu agora Pedro Sánchez a dicir que non se faga a mellora da seguridade xusto na parada de Corgo”, e sinalou que “non é certo”, pero “se están preocupados pola seguridade fágano con fondos propios”, e “en lugar de actuar en 1.100 paradas en Galicia, fágano en 1.101”.

A responsable socialista advertiu de que esta parada “non reúne as condicións para que un autobús poida parar con seguridade”, debido ao pouco espazo dispoñible para os peóns, ademais de que tampouco conta cunha marquesiña para protexer aos viaxeiros da chuvia. Patricia Otero reclamoulle á Consellería que inclúa a parada da AC-400 no Plan de mellora das paradas que discorren pola AC-552.

Este plan de mellora, que inclúe outras 18 paradas da Laracha, contempla melloras da accesibilidade, beirarrúas, medidas de seguridade para os peóns, así como da visibilidade e novas marquesiñas con modelos máis axeitados.