- O deputado Martín Seco critica a “falla de información, asesoramento e defensa do patrimonio” que sofren os concellos por parte da Xunta cando se ven afectados pola instalación de parques eólicos e liñas de evacuacións.
O parlamentario arteixán e voceiro de Industria do Grupo Socialista, Martín Seco, vén de solicitar ao goberno galego, a través dunha batería de iniciativas presentadas no Parlamento, que paralice o proxecto da liña de alta tensión entre o parque eólico de Monteagudo en Carballo e o polígono de Morás en Arteixo.
“A liña de alta tensión destroza toda a parte occidental do Concello de Arteixo, xustamente o de maior calidade paisaxística e ambiental, nun concello cun alto grado de sacrificio paisaxístico e medioambiental, causado precisamente polas infraestruturas industriais e de comunicación”, criticou o socialista.
Nesta liña, esixiu ao alcalde de Arteixo, “que non quede só coa posta en escena” e “que poña toda a carne no asador, contratando a un gabinete xurídico con experiencia e coñecemento no sector para preparar alegacións que consigan paralizar este proxecto”.
Por último, “ante a falla absoluta de sensibilidade do goberno galego”, Seco pediu ao alcalde de Arteixo que convoque “con urxencia” un Consello Veciñal Municipal para abordar este asunto “dende a unidade de todos os entes do concello”.