Este sábado 29 de abril arrinca a XV Mostra de Teatro Xosé Agrelo de Muros, unha das grandes referencias comarcais de teatro afeccionado, que encherá de propostas a vila ata o 20 de maio.
O Centro Cultural e Xuvenil muradán de Muros acollerá a partir das 20:30h a visita da compañía Teatro da Troula, de Mazaricos, co seu espectáculo “Serán”.
O grupo, nado o ano pasado no marco do proxecto de teatro veciñal 5×5, trae esta peza dirixida por Arantza Villar, e reprentada por un completo electo de veciñ@s mazaricáns: Eva García Rodríguez, Laura Prado Lado, María del Carmen García Cancela, Isolina Santiago Trillo, María del Carmen Moreira Muíño, Consuelo Jurjo Rodríguez, María Luaces Trillo, Ángela Villar Rodríguez, María del Carmen Rey Núñez, Esther Muíño Silva, Yasmina Farhani Luaces, José Cambeiro Carreira, Domingo Caamaño Pais, Manuel Pérez Fernández.
A proposta do Grupo de Mazaricos toma como pretexto a organización dun SERÁN e a necesidade que tén un dos personaxes da obra, unha estudante de antropoloxía, de facer un traballo sobre diferentes aspectos do vivir mazaricán doutros tempos, onde as persoas asistentes a esta xuntanza nocturna, informal e festiva irán contando distintas historias que aportarán a información necesaria para o nomeado exercicio académico.
No programa, tamén teñen citas nos seguintes fins de semana:
- Sábado 6 de maio, 20:30 h.: “O Rei Telesforo busca noiva (e quere noivo)”, do Grupo Municipal de Teatro de Ribeira, dirixida por Óscar Romero.
- Sábado 13 de maio, 20:30 h.: “Aqueles sesenta” de Aquelando Teatro, dirixida por Lucho Penabade.
- Luns 15 de maio, 12:00 h.: “A Consulta Tola” do Grupo de Teatro do Centro Ocupacional de Valadares, dirixida por María do Carme Estévez.
- Xoves, 18 de maio, 10:30 e 12:00 horas e Sábado, 20 de maio, 20:30 h.: “A Faneca Brava” da A.C. O Xeito de Esteiro, dirixira por Xosé Taxes.
- Mércores 17 de maio no Curro da praza, ás 18:00 h: “A Lingoreteira” de Xarope Tulú.