O conxunto catalán enfrontouse este domingo ás 10:30 horas ao Maracena A Esquinita de Javi de Granada, cos antecedentes de que ao equipo andaluz tan só lle servía vitoria e ao catalán chegáballe co empate. Con esa curta superioridade, ambos os conxuntos disputaron un partido moi igualado en todas as súas fases, cunha leve melloría por parte do Sant Quirze en moitos instantes do encontro, ao descanso pola mínima 10-11. Na segunda metade máis igualdade e emoción na cancha. A dez minutos do final tras un tempo morto e dúas exclusións o Maracena fíxose forte e deulle a volta ao marcador, pero foi un espellismo, o técnico catalán aplicoulle a mesma medicina e conseguiu sacar ao seu equipo dunha leve parsimonia e impoñerse un gol arriba, 26-27. Con este resultado o Handbol Sant Quirze del Vallés é novo equipo de División Honra Prata.
Final de consolación para o Calvo Xiria
O Calvo Xiria xogou o seu terceiro partido á unha da tarde do domingo contra o Levante Marni, xa sen posibilidades na fase de ascenso, tras perder os dous primeiros encontros, o xogado o venres e o do sábado. 34-25 venceu o conxunto carballés, que pon fin a unha moi boa tempada en xogo e resultados tras proclamarse campión de liga. Foi tamén a despedida emocionante dun veterano baixo paus, o porteiro local Iago. Tras o partido chegou a correspondente entrega de premios polas autoridades presentes, o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, a deputada de Deportes, Cristina Capelán, o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, o presidente da Federación Galega de Balonmán, Bruno López, e o concelleiro carballés de Deportes, Marcos Trigo Facal.