O horror golpea Nova Zelandia


Un país onde, case nunca pasa nada, viu rota a súa tranquilidade, un ataque coordinado contra dúas mesquitas na cidade de Christchurch deixou, de momento, 49 mortos e 48 feridos, dos que moitos están graves, segundo informan as axencias internacionais. Para facer aínda máis salvaxe o atentado, un dos atacantes difundiu o ataque a través de Facebook Live. Ataviado cun traxe negro que parece ser roupa de asalto e armado con fúsiles automáticos, chegou co seu coche a unha das mesquitas disparando contra todo o que se movía, que a esa hora estaba chea para o rezo do venres, o máis importante para a relixión musulmá.

Calcúlase que nunha das mesquitas había entre 300 e 500 persoas, incluídos varios xogadores do equipo do criquet de Bangladesh, que este sábado tiña previsto disputar un encontro contra do de Nova Zelandia. O atacante leva escritos nas armas numerosos nomes que parecen facer referencia a loitas históricas contra os musulmáns. Ademais, nas redes sociais circula un manifesto dos atacantes con comentarios despectivos sobre esta relixión e os inmigrantes musulmáns que chegan ao país. Xunto a mesquita de Al Noor, o outro edificio atacado é o Centro Islámico Lindwood.